
Villasimius, 9 de agosto.
Lo prende lui, lo prende lei e anche i gay. Si stai in gravidanzza, mangia cocco abbastanza. Se cocco mangerei, cellulite non avrei. Lo diceva Napoleone: se mangi cocco, diventerai un leone... É dificil competir con esta tromba de creatividade. O vendedor de coco local (camiseta sen mangas, bañador e rileira (?)) métese no peto aos bañistas de Villasimius. Un pouco máis alá, o vendedor de granita fai sonar o campanello do seu carriño e ámbolosdous cruzan miradas de lume. Pero hai mercado para todos: os africáns camiñan paseniño pola beira do mar cargados coma arbres de Nadal; os hindús de ollada orgullosa levan anes e pulseiriñas; os asiáticos ofrecen as súas habilidades para as masaxes...; os europeos estarricámonos ao sol indiferentes.
Os italiáns (elas) semellan estar no seu habitat natural e falan sen pudor polo telefonino mentres vixían aos nenos, reparten o bocata e compran un caftán ao senegalés de turno. Os italiáns (eles) miran con certa distancia todas estas manobras e adícanse a pasear o seu palmito pola beira do mar.
Porque hai que dicilo: os italiáns levan bañadores "fardahuevos". A algúns quédalles ben (moi ben), sábeno e compárteno con xenerosidade bronceada e musculosa. Eses traxes de baño (costume en italián) soen ser de cor branco, vermello ou floreado!!!. Eles levan o pelo curto e completan o seu look con gafas imposibles e gargantiña de ouro. Hai outros aos que non lles queda tan ben: a tripiña fai das súas e, aínda que non se lles ve tan lustrosos, lévano con dignidade. Ese adoita ser negro. Hai outro grupo ao que lles queda francamente mal: son gordos ou paticortos, peludos ou descaradamente barrigóns. Escollen o peor modelo do mercado: grises ou marróns, mesmo con raias ou cadros, cun inequívoco ar de mercería de pobo. E, por último, están os señores de idade, que seguramente o levaron toda a vida e non entenderon a estúpida moda das bermudas. A estes, dá igual como lles quede: lévano sen complexos, completado coa trasnoitada bandana coma seña de identidade dunha xeración que segue a facer as contas en liras. (Síntoo moito pero non teño cobertura gráfica deste punto)
Cruzando a fronteira deste mundo de sdraio, bagnino e ombrellone atópase Costa Rei, un deses lugares onde o ruido do mar afoga calquera son. A auga está tan limpa que poden verse pequenos peixes acercarse aos pes. Dous grandes saíntes de rocha suxeitan a fina stricia de area, branca coma unha media lúa e decido abandoarme á voracidade do tempo.

Ao pouco de chegar, o corpo arde baixo o sol. Sento as pingas de auga que esbaran cando Sailor se achega. Son frías é un escalofrío recorre a miña espalda pero é agradable. Os beizos están salgados e a pel do corpo dibuxa lineas brancas da salitre. Recupero ese pracer da infancia de chegar a casa coa area pegada nos pés, a pel tirante, o pelo encrespado e os ollos aínda cegados polo sol, polo mar...

Volvimos pola carreteira que bordea a costa, asomándonos ás veces a abismos rochosos que afogan en calas impracticables de azul turquesa. Adelántannos motoristas que envexamos e seguimos adiante entre chumbeiras preñadas de fruto e o horizonte vaporoso do solpor. De cando en vez, os vendedores de froita (uvas, sandía) improvisan os seus tenderetes e fan ondear a bandeira da Illa (i quattro mori) sobre o teito de palla.

Paramos para facer unha foto á illa de Serpentaria, coa sua torre aragonesa derrubada e aínda que o día terminou por nublar, por un momento unha raiola de sol escapou entre as nubes e deu de cheo nas escolleiras brancas. Ficamos alí mirando, como aparvados; os coches paraban en silencio e os viaxeiros a ningures saían velo. Sinxelo e fermoso.

Cando chegamos a casa, un ritual de ducha, cremas e locións nos devolve ao universo oloroso da civilización. Non vai frío e polas noites sentamos na terraza sen falar, só vendo pasar algún paseante co seu can, as luces lonxanas da fortaleza de C. e, nas noites máis claras, a Osa Mayor. Enfrente hai pequenas casas cos seus xardinciños e unha gasolineira que está aberta toda a noite. Parece un cadro de Hopper na súa impoluta silueta, pero, coma neses cadros, agocha misterios e historias imposibles que albiscamos dende a escuridade. Ás veces para algún coche e o conductor deambula perdido intentando descifrar as instruccións do Fai da te. Despois desaparecen, coma se todo fora un espexismo e todo volve a inmovilidade.

Ao mellor, todo isto é un sono. Non quero espertar.
Ultimo giretto, cocco bello se ne va!